Monday 13 de May de 2024

Concello e Xunta pactan a celebración dun concerto en Riazor como antesala do Xacobeo 2021


 

A débeda do Goberno autonómico á Orquestra Sinfónica abordarase coa
creación dunha comisión mixta entre ambas as administracións
A alcaldesa, Inés Rey, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez,
perfilaron o cartel, que virá acompañado de citas coa música tradicional
galega e grupos da cidade, así como exposicións, congresos e eventos
para toda a familia

A Coruña, 3 de febreiro de 2020.- A alcaldesa, Inés Rey, e o conselleiro de
Cultura, Román Rodríguez, abordaron esta mañá a programación cultural que o
Goberno autonómico traerá este ano á cidade dentro do proxecto “Xacobeo
cidades”, unha antesala do que virá en 2021 que a rexedora aplaudiu nesa intención
de descentralizar o gran evento de Galicia, “algo que compartín co presidente da
Xunta na primeira reunión do 29 de xullo”. Rey agradeceu que desde San Caetano
non se programe unicamente en Santiago e que se inclúa A Coruña, que albergará
un concerto no estadio municipal de Riazor con cabida para 20.000 persoas:
“Estamos a falar dun evento de carácter internacional con moita repercusión que irá
acompañado doutras citas que fomentarán a cultura e a música tradicional galegas,
ademais de formacións da cidade e eventos para toda a familia, un preámbulo do
que será o Xacobeo 2021, en que tamén agardamos esa descentralización”. A
alcaldesa valorou Riazor como o lugar idóneo para facer un evento destas
características: “Buscamos un emprazamento con maior capacidade”.
Pola súa parte, Román Rodríguez destacou que A Coruña está involucrada na
celebración e que no prazo dun mes pecharán datas e nomes do cartel tras asinar
un acordo entre ambas as institucións para colaborar na coordinación do mesmo: “O

Nota de Prensa

concello cooperará en cuestións loxísticas e de produción xa que “é quen coñece a
súa realidade e infraestruturas”. Insistiu que o concerto musical suporá o eixo
central dunha programación participativa que dará respostas a todo tipo de públicos
e acubillo a grupos emerxentes e á cultura de base: “Falamos tamén de
exposicións, congresos… unha acción cultural compartida co concello”,
descentralizada e sustentable “que non sexa flor dun día e poida alongarse no
tempo”. Para artellalo, o conselleiro sinalou que fixarán unha cantidade económica e
que sobre esa cifra, os diferentes promotores do país presentarán as súas ofertas,
“non será capricho dos representantes”, senón que as persoas profesionais do
sector elixirán á formación segundo criterios obxectivos previamente establecidos.
Terá un financiamento de base da Xunta e o concello asumirá gastos como parte de
produción, a seguridade, a limpeza e o control de accesos.
DÉBEDA Á OSG
Sobre a débeda pendente por parte da Xunta á Orquestra Sinfónica de Galicia, o
conselleiro anunciou que ambas as administracións sentarán a buscar unha
solución “dentro das marxes orzamentarias” a través dunha comisión mixta:
“Valoraremos as circunstancias que rodean a este proxecto historicamente” e
afirmou que hai posibilidades para que o financiamento non se vexa mermado e a
OSG siga sendo estandarte da cultura de Galicia”. Rey apuntou que o mellor xeito
de resolvelo é con esta fórmula en que estarán todas as partes presentes.
Canto ao albergue para peregrinos do que Rey e Núñez Feijóo falaron no pasado
verán, Román Rodríguez asegurou que desde o Goberno autonómico están
dispostos a abordar o tema porque “A Coruña é unha das portas de Galicia do
Camiño Inglés, que está medrando en intensidade”.